O servizo de Radioloxía do Hospital Ribera Povisa está formado por 17 adxuntos e 4 residentes. Somos un servizo cunha idade media de 40 anos onde se combina a xuventude de adxuntos recentemente incorporados coa experiencia dos máis veteranos e o máis importante con un ambiente de traballo excepcional.
Somos un servizo central equipado cunha alta tecnoloxía:
– 3 equipos de Resonancia Magnética de 1,5 Teslas.
– 1 TC multicorte dobre fonte de 128 detectores, 1 TC multicorte de 32 detectores.
– 1 mamógrafo con tomosíntese.
– 5 ecógrafos de última xeración.
– Diversas salas con equipos dixitais de radioloxía convencional.
– 1 sala de radioloxía intervencionista.
Temos unha ampla traxectoria en docencia con 28 anos de experiencia na formación de MIR en Radioloxía, ofertando unha ou dúas prazas MIR por ano. Ademais sempre temos no servizo médicos radiólogos en formación ou xa especialistas de outros hospitais nacionais e internacionais (sobre todo portugueses e latinoamericanos) facendo rotatorios e completando a súa formación. Tamén médicos de outras especialidades (medicina interna, anestesia, medicina de familia, traumatoloxía, cirurxía, cardioloxía…) completan con nós a súa formación en determinadas áreas de coñecemento.
O servizo está estruturado seguindo un patrón por órganos e sistemas clínicos (Abdome, Tórax-Cardio, Pescozo, Músculo-Esquelético, Neurorradioloxía, Mama e Vascular e Intervencionista) e a formación se establece por rotatorios seguindo estes sistemas, sen esquecer a docencia das diferentes técnicas radiolóxicas.
O programa de formación segue as directrices do Programa de Formación de Residentes da Comisión Nacional de Radiodiagnóstico e conseguimos un programa cunhas rotacións xerais e outras opcionais máis personalizadas que serven para afianzar aquelas rotacións que non se houberan completado axeitadamente, para profundar nunha parcela do coñecemento (pequena subespecialización) o para coñecer outro servizo de radioloxía de calidade (rotacións externas en hospitais universitarios, AFIP, programas de investigación).
Tódolos adxuntos están moi implicados na formación do MIR e hai dous titores que se encargan de planificar e xestionar tódalas rotacións así como axudar ó residente en calquera situación que o requira.
Sesións e seminarios
Tódalas mañás hai sesións clínicas onde o residente presenta un caso da área na que está rotando seleccionado de acordo co radiólogo que lle supervisa. Os martes a sesión é diferente, este día é unha Sesión de Lectura de casos, no que un membro do persoal porá un caso seleccionado para o nivel teórico de coñecementos de cada residente quen terá que lelo e tratar de sacar o máximo partido posible ás imaxes que se achegan.
De xeito alterno cada xoves hai unha sesión clínico-radiolóxica ou unha sesión xeral do hospital. Son sesións abertas a todo o hospital e de gran interese formativo. Na sesión clínico-radiolóxica preséntanse casos por parte dos residentes de diferentes especialidades, sempre un de radioloxía, para posteriormente establecer unha discusión sobre o mesmo. Nas sesións xerais diferentes especialistas de todos os servizos expoñen un tema de actualidade que teña carácter xeral para o hospital.
Con periodicidade mensual hai sesións bibliográficas a primeira hora da mañá, con datas variables.
Periodicamente hai sesións interdisciplinares dos diferentes Comités de Tumores onde o residente tamén forma parte activa na exposición e discusión dos casos.
Responsabilidades do residente
Dende os teus comezos, ten presente que a túa formación encamíñase a facer de ti un radiólogo. Os coñecementos da especialidade (semioloxía, adecuación técnica, integración de información) son moi importantes, pero hai outras parcelas que non debes descoidar.
RESPECTO Á EXPLORACIÓNS:
- Revisar a xustificación das exploracións.
- Adecuar as exploracións á xustificación clínica.
- Chegar a un consenso das pautas de traballo.
- Protocolizar as técnicas de imaxe idóneas a cada xustificación.
- Decidir sobre o uso de contrastes e cando, cal, dose e velocidade á que se vai administrar.
RESPECTO Á CALIDADE e CONTROL DE CALIDADE:
- Coidar e esixir unha calidade óptima nas imaxes xeradas.
- Interpretar e informar as imaxes obtidas e os estudos realizados co maior grado de confianza posible.
- Manter constante a calidade dos informes e os diagnósticos emitidos.
- Integrar a información das diversas modalidades e técnicas.
- Establecer e supervisar un programa continuo de control de calidade.
RESPECTO Á DOCENCIA E INVESTIGACIÓN:
- Participar en tarefas Docentes e Investigadoras.
- Estar ó día dos últimos avances no seu campo de actuación profesional.
NO SERVIZO E NA CONTORNA HOSPITALARIA E SOCIAL:
- Informar correctamente a pacientes (ou familiares) cando soliciten a súa opinión.
- Contribuír á motivación do persoal do seu equipo e do servizo.
- Contribuír ó rendemento cuantitativo óptimo dos medios diagnósticos que utilice.
- Participar na cobertura de exploracións do servizo non programables.
- Traballar na coordinación da súa área con outras do seu servizo e o seu Hospital ou, no seu caso, con outros Hospitais.
- Recoñecer e aceptar a responsabilidade en que incorre se o seu traballo non ten a calidade esixible.
Gardas
Inicialmente as gardas realízanse no servizo de Medicina Interna mentres dura esta rotación (2 meses). Despois e ata o final da residencia realízanse no servizo de Radioloxía. Durante a garda infórmanse os estudos realizados tanto durante a mañá coma no resto do día. Sempre hai un radiólogo do persoal do hospital de garda contigo a partir das 15 horas os días laborables e durante toda a xornada os festivos.
Cursos, congresos e publicacións.
Dende o servizo promóvese e facilítase a participación dos residentes no Congreso Nacional da Sociedade Española de Radioloxía Médica, con gran éxito xa que somos un servizo que xeralmente recibe premios polos traballos expostos.
Tamén de xeito individualizado recoméndase asistir a outros cursos e congresos de interese para o residente en formación.
Outro dos obxectivos do residente é terminar a súa formación con polo menos unha publicación nunha revista indexada en pubmed.
Para máis información, non dubidedes en contactar connosco no correo electrónico
secretaria.comision.docencia@povisa.es
A sesión de portas abertas 2021 será o luns 24 de maio de 10 a 13, para acceder entra en esta ligazón