O Hospital Ribera Povisa é o hospital privado máis grande de España. Ten máis de 350 camas en funcionamento e dispón de tódalas especialidades salvo Cirurxía Cardíaca.
Conseguiu numerosas acreditacións de calidade, seguridade e innovación, incluída a Joint Comission International, a máis prestixiosa acreditación de calidade a nivel mundial.
A súa actividade máis importante é a atención ós pacientes da sanidade pública en relación co concerto que existe co servizo Galego de Saúde, polo que proporciona asistencia hospitalaria a máis de 130 000 persoas.
Dende o ano 2009 o servizo de Medicina Interna forma a Médicos Internos Residentes nesta especialidade. Este feito supuxo un reto organizativo que estimulou ós integrantes do servizo e a todo o persoal do hospital en xeral, acadando un alto grado de satisfacción entre os residentes que formamos. Ademais, todos eles conseguiron traballo no eido da súa especialidade, tanto no sistema público coma no privado.
O noso servizo está formado por 20 médicos, ademais dos MIR (dous por ano). A labor asistencial desenvólvese por igual por tódolos membros do servizo, pero existen áreas de especial dedicación tanto asistencial como de investigación, coordinadas por diferentes facultativos: Hipertensión e risco vascular, Trombose e patoloxía vascular, Enfermidades autoinmunes, Enfermidades Infecciosas, COVID-19, Paciente crónico complexo, Hepatoloxía, Infección por VIH/SIDA e Consultoría de outras especialidades.
Temos unha estreita e fluída relación con Hospitalización a domicilio (servizo formado tamén por médicos internistas) e coidados paliativos, que favorece a continuidade asistencial.
Ademais realizamos técnicas de ecografía, elastografía, MAPA e capilaroscopia, así como drenaxes pleurais e peritoneais.
Tanto os estudantes como os MIR de Medicina Interna, Medicina de Familia ou outras especialidades rotan de forma exclusiva cun médico; deste xeito garántese unha atención máis persoal.
Unha das principais vantaxes do servizo de Medicina Interna é que asume a maior parte da hospitalización médica do hospital, salvo Cardioloxía, Hematoloxía e Oncoloxía. Deste xeito representa o destino ideal para calquera médico internista, xa que aquí poderá ter unha visión ampla da especialidade, feito que non poden proporcionar hospitais de maior tamaño.
Cada semana temos varios tipos de sesións: casos clínicos, bibliográficas, clínico-radiolóxicas e enfermidades infecciosas.
Durante o primeiro ano as gardas realízanse no servizo de urxencias, e o resto do período de formación en Medicina Interna, onde sempre se proporciona unha supervisión axeitada ó ano de formación.
Por último, e non menos importante, o ambiente de traballo no noso servizo é excepcional, o que favorece unha maior satisfacción persoal e profesional.
Convidámosvos a probalo. Non vos defraudará.
Se tedes calquera dúbida ou comentario, por favor, contactade connosco vía correo en secretaria.comision.docencia@povisa.es
A sesión de portas abertas 2021 será o luns 24 de maio de 10 a 13, para acceder entra en esta ligazón