Coñécenos

O Hospital Ribera Povisa forma parte da rede de centros sanitarios do grupo Ribera, con máis de 20 anos de experiencia na xestión de proxectos innovadores, especializados na saúde e o benestar dos cidadáns. A nosa vocación e transformar a atención sanitaria, achegando valor á sociedade e contribuíndo á sostibilidade dos sistemas de saúde.

A historia do Hospital Povisa comeza a finais dos anos sesenta, cando un grupo de prestixiosos médicos de Vigo deciden xuntar nun só espazo as súas respectivas clínicas. Inda que a sociedade como tal se funda no 1969, non é ata marzo de 1973 cando se inaugura o edificio do hospital na rúa Salamanca de Vigo.

Neses primeiros anos, Povisa ofrece ós cidadáns as especialidades existentes nas clínicas dos seus fundadores, ademais duns sistemas de tratamento do cancro con isótopos e coa bomba de cobalto, que sitúan ó Servizo de Oncoloxía na vangarda tecnolóxica da época. Por mor dos tráxicos accidentes nun estaleiro e nunha conserveira , créase unha Unidade de Queimados que sería pioneira en Galicia.

Co paso dos anos, o hospital modernízase e medra, chega a acordos co Instituto Social da Mariña e co Insalud e no 1983 iníciase a última gran ampliación do edificio, que eleva o número de camas de Povisa a 700. A finais do 1996, o Grupo Nosa Terra comeza a xestionar o hospital. Prosegue a renovación tecnolóxica, a consolidación do concerto con Servizo Galego de Saúde e o crecemento de especialidades privadas.

En decembro de 2019, o grupo sanitario Ribera adquire o 93 % do accionariado. Os accionistas de Ribera son Centene Corporation (90 %), unha das maiores aseguradoras de saúde dos Estados Unidos incluída na lista Fortune 500, e o grupo bancario español Banco Sabadell (10 %).

Na actualidade, Povisa forma parte da Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal), e compre co Compromiso Ético e de Boas Prácticas baseado na xestión transparente para asegurar unha asistencia sanitaria de calidade, e conta coa prestixiosa acreditación sanitaria de calidade e seguridade, a Joint Comission International.