Dende hai case 25 anos, o servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do Hospital Ribera Povisa está acreditado para a docencia a Médicos Internos Residentes desta especialidade. Este feito supuxo un reto organizativo que estimulou ós integrantes do servizo e a todo o persoal do hospital en xeral, estando plenamente satisfeitos coa nosa experiencia ata o momento.
O Hospital Ribera Povisa conta con máis de 350 camas en funcionamento e boa parte da súa actividade céntrase na atención de máis de 135.000 pacientes da sanidade pública que ten asignados en virtude dun concerto co Servizo Galego de Saúde.
O servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Hospital Ribera Povisa está formado por 18 adxuntos e 10 residentes. Atende todo o espectro de patoloxías da especialidade a través das súas seis seccións: membro superior (ombro e cóbado), unidade de man, unidade de cadeira, unidade de xeonllo, unidade de raquis e unidade de pé e nocello. Cada sección atende tódalas patoloxías relacionadas coa súa área de interese. Temos un alto volume de actividade cirúrxica (27 quirófanos semanais) e unhas 25 consultas semanais, o que garante unha formación completa como especialista durante a súa residencia.
Seguimos o programa oficial da Especialidade desenvolvido pola Comisión Nacional da Especialidade de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía e verificado polo Consello Nacional de Especialidades Médicas publicouse no BOE con data do 7 de febreiro de 2007 (ORDEN SCO/226/2007).
Durante a residencia intercámbianse estancias no servizo con rotacións externas. Así durante o primeiro ano realízanse 5 rotacións obrigatorias dun mes de duración e durante o segundo ano 3 meses. A partir do terceiro ano realízanse as rotacións de Ortopedia Infantil e Tumores en centros de referencia. No cuarto e quinto ano, facilítase a rotación nun hospital nacional ou estranxeiro durante tres meses.
O residente realizará 5 gardas ó mes e sempre acompañado por un adxunto de presenza física e outro adxunto de localizada. Realízanse catro sesións por semana cos residentes: dous días de temas de interese xeral para a especialidade e outros dous días de temas específicos realizados pola unidade de man e a unidade de pé e nocello. Ademais, realízase un programa formativo para os residentes que facilita o estudo de todos os aspectos da especialidade. Todos estes aspectos permiten que o residente poda afrontar con garantías o exame europeo (Fellow of the European Board of Orthopaedics and Traumatology, EBOT Exam) ó finalizar o período de residencia.
Se desexas recibir máis información, non dubides en poñerte en contacto connosco.
secretaria.comision.docencia@povisa.es
A sesión de portas abertas 2021 será o luns 24 de maio de 10 a 13, para acceder entra en esta ligazón